O pasado venres 16 celebramos o Día das Letras Galegas. Para comezar esta xornada tan especial, toda a comunidade educativa reunímonos na praza da nosa vila. Alí, os alumnos de sexto de primaria tomaron a palabra e, ofreceron un discurso explicando a importancia deste día para a nosa cultura e lingua. A continuación, a praza encheuse de voces, desde os máis pequenos ata os profesores, cantamos con alegría dúas emblemáticas cancións populares galegas: "Catro vellos mariñeiros" e "Na beira do mar".
Dende o blog da biblioteca imos propoñervos actividades, lecturas ou páxinas onde crear os teus propios soños, onde pasalo ben e aprender.
Benvidos ao blog da biblioteca do Ceip Juan Rey!
18 may 2025
Letras Galegas 2025: poesías e cantigas do mar.
Durante esta semana na biblioteca, as profesoras Isabel, Mari Luz, Lucía e Chelo traballaron a poesía e a música popular de tradición oral. Os alumnos crearon rimas sinxelas sobre animais mariños. Despois puxéronlles un pouco de música con palmas e pandeiretas, como facían as cantareiras galegas.
16 may 2025
Letras Galegas 2025.NA BEIRA DO MAR. Cartel
Con Este cartel tan alegre convídamosvos a celebrar o Día das Letras Galegas cun concerto na praza de Lourenzá. A nena que vemos tocando a pandeireta podería ser calquera das nenas da nosa vila, gozando da música popular da nosa terra. Coa súa pandeireta e o seu sorriso, lémbranos a alegría das nosas cantigas e a riqueza da nosa cultura galega.
Pero hai máis neste cartel. Vemos tamén unha pescantina, unha muller forte e traballadora que representa a todas esas mulleres galegas que, ao longo da historia, transmitiron de xeración en xeración as melodías que despois se converteron nas cancións que hoxe coñecemos. Mulleres coma elas, co seu canto e a súa paixón, mantiveron viva a nosa música e a nosa tradición oral.
Con este cartel queremos celebrar a alegría da nosa música e tamén render homenaxe a todas esas mulleres que foron as verdadeiras gardiás do noso patrimonio musical. Agardámosvos para cantar e celebrar xuntos!"









