Dende o blog da biblioteca imos propoñervos actividades, lecturas ou páxinas onde crear os teus propios soños, onde pasalo ben e aprender.
Benvidos ao blog da biblioteca do Ceip Juan Rey!

11 jun 2026

📚 A nosa biblioteca está máis viva que nunca! Grazas polas vosas ideas

Remata o curso e chega o momento de facer balance de todas as aventuras que vivimos entre páxinas de libros. Queremos darvos as grazas de corazón por participar na última enquisa sobre o funcionamento da nosa biblioteca escolar. Os resultados non poden ser máis positivos!

Estamos moi orgullosos de contarvos que o 100% do noso alumnado levou libros en préstamo para a casa ao longo deste curso. Ler é viaxar sen saír da aula, e vós viaxastes moitísimo! 

Un aplauso para os nosos superlectores e superlectoras 

Este ano puxemos en marcha o reto do Pasaporte Lector, co obxectivo de superar os 10 libros lidos. En total, o 40% de toda Primaria logrou superar o reto! Queremos felicitar de xeito especial a 1º e 2º de Primaria, que foron os cursos con maior porcentaxe de pasaportes completados. Sodes uns campións!

Como recompensa por este esforzo, todos os alumnos e alumnas que superaron o reto recibiron un sinxelo agasallo da biblioteca: un libro  e un marcador de páxinas para que sigan desfrutando da lectura. 

Pero tamén queremos facer unha mención de honra moi especial para o alumnado dos cursos superiores (de 3º a 6º). Sabemos perfectamente que os vosos libros son moito máis longos, teñen máis páxinas e esixen un esforzo e unha concentración moito maiores. Por iso, aínda que non todos chegarades á cifra de 10, valoramos enormemente cada páxina que lestes. Parabéns a todos!

Tomamos nota para seguir mellorando 

Como nos encanta escoitarvos, tamén apuntamos moi ben as vosas suxestións para o vindeiro curso:

    • Máis novidades e xogos: Sabemos que queredes ver títulos novos e máis xogos no tempo de lecer. Imos facer maxia co noso orzamento para intentar que a biblioteca teña máis sorpresas para o vindeiro ano.

    • Un segredo... Esas peticións de rechear as estanterías con máis historias de Isadora Moon seguro que se consegue!  Xa estamos a buscar a forma de traela de volta ao cole con novas aventuras!

Grazas por facer da biblioteca o corazón do noso colexio. Seguide lendo moito este verán! 

 Se hai un recuncho no noso colexio que tivo moito movemento, maxia e ledicia este curso, ese foi a biblioteca. Pero sabedes cal é o segredo para que todo funcionase á perfección día a día? O traballo, a ilusión e o compromiso do noso fantástico equipo de alumnos e alumnas auxiliares de biblioteca.

Estes mozos e mozas dedicaron parte do seu tempo de lecer a coidar deste espazo tan especial. Foron os encargados de colocar os libros nas estanterías, axudar aos compañeiros e compañeiras a buscar lecturas, xestionar os préstamos e encher de mimos a nosa biblioteca. Sen eles e elas, nada disto tería sido posible!

Por iso, queremos darlles as grazas  e facerlles unha homenaxe moi merecida. Un aplauso xigante para os nosos axudantes de luxo:

Nerea, Aleixo, Paula, Ainhoa, Breixo, Martina, Nour-Ham,Valeria e Ana Luisa.

Sodes un auténtico orgullo para todo o colexio! Grazas por demostrar tanta responsabilidade e por facer da biblioteca un lugar mellor para todos.

27 may 2026

Letras Galegas 2026

Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño. Para conmemoralo, dende a biblioteca, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística, Polos Creativos e o Leo Lab, organizamos unha serie de actividades moi especiais.


Ademais, queremos agradecer encarecidamente a colaboración da ANPA, que nos agasallou con varios libros da autora para que os poidamos desfrutar no colexio.

En primeiro lugar, o alumnado realizou un vídeo-podcast para contar, de xeito sinxelo, os detalles máis importantes da vida e obra de Begoña Caamaño. Grazas a este traballo, descubrimos que a autora ten dúas novelas publicadas.



Aínda que son libros para o público adulto, pareceunos moi interesante afondar na historia de Circe e Ulises. Para darlle vida, pedímoslles aos escolares que debuxasen os personaxes principais e, despois, unindo o esforzo de todos, creamos un  vídeo utilizando a técnica de stop-motion.



Como nesta novela o personaxe de Circe lle escribe cartas a Penélope, propuxemos unha actividade creativa moi especial: animamos ao alumnado a poñerse na pel de Begoña. O reto consistía en escoller os seus libros favoritos e escribirse cartas entre eles, imitando o estilo da autora. Despois, colgamolas todas na biblioteca nun tendal moi rechamante que bautizamos como "As cartas máis divertidas de Begoña".




Para rematar  esta celebración, o alumnado  de Primaria participaron no Correlingua de Ribadeo. Alí lembramos o máis importante de todo: que para manter viva a nosa lingua, o segredo está en falala e sentila cada día.





19 may 2026

A eiruguiña comellona


Na biblioteca encántannos as historias que cobran vida, e os nosos artistas de 5º de Educación Infantil (4 anos) conseguiron facer maxia coas súas propias mans. Despois de ler e desfrutar do clásico conto A eiruga comellona de Eric Carle, decidimos converternos en directores de cinema!

Queredes saber como o fixemos? Foi toda unha aventura:

  • Mans á masa (ou á plastilina!): Modelamos os personaxes e a comida do conto con moito coidado e ilusión.

  • Luces, cámara... e acción! Montamos un escenario na biblio, foto a foto, plano a plano, creamos a nosa primeira curtametraxe de animación en stop-motion.

  • Compositores por un día: Inventamos unha canción especial para a nosa eiruga e, coa axuda da Intelixencia Artificial, puxémoslle unha música súper pegadiza.

Sabemos que os movementos non son perfectos (aínda somos pequenos!), pero cada fotograma está cheo de esforzo, risas e moito aprendizaxe. Aprendemos a traballar en equipo, a ter paciencia e a ver como as nosas ideas se converten en cine.

Deixámosvos aquí o resultado para que desfrutedes tanto coma nós. Dádelle ao play e preparádevos para cantar!

                                 

14 abr 2026

Galiñas de Biblioteca

Este mes, entre libro e libro, as protagonistas foron as nosas Galiñas de Mos. Se as paredes da biblioteca falasen, non contarían contos, senón píos!

Todo empezou nesa incubadora que se converteu no centro das miradas. Grazas ao batallón de alumnos e alumnas que, día tras día, cargaron coa auga necesaria para que a humidade fose a ideal. Pasamos de observar ovos estáticos a escoitar os primeiros "crac" que anunciaban que a vida estaba en camiño.

Unha vez que romperon a casca e viron que o mundo era moito máis grande que a incubadora, os nosos pequenos exemplares de raza Mos decidiron ir de excursión pola Mariña, descubrindo recunchos, picoteando por aquí e por acolá, e dándolle alegría ás nosas rúas.

Aviso para navegantes: Se vedes un pito cun aire moi intelectual e camiñar decidido pola praza, non vos estrañedes... é que naceron rodeados de sabedoría!



13 abr 2026

A poesía enche de versos o noso patio

 Esta semana, a nosa biblioteca saíu fóra das súas paredes para celebrar a Semana da Poesía dun xeito moi especial. Transformamos o patio nun espazo de creación e lectura grazas ao noso obradoiro de poesía ao aire libre

.A xornada non tería sido posible sen a inestimable axuda dos nosos alumnos e alumnas auxiliares, que fixeron un traballo fantástico seleccionando coidadosamente diversos poemarios, tanto en galego como en castelán, para inspirar a todos os compañeiros.





A imaxinación botou a voar en todos os niveis de Primaria:
Haicus saudables: O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6ºcrearon versos saudables.

Homenaxe a Platero: O alumnado de 2º de E.P. crearon un poema colectivo homenaxeando ao famoso personaxe de Juan Ramón Jiménez.



8 abr 2026

Unha ponte entre artistas: Don Santos e Clara Peeters



Ao colocar as nosas versións de Clara Peeters no comedor, decatámonos de algo moi especial. Alí xa nos agardaban outros bodegóns! Trátase das obras de Don Santos, un antigo profesor do centro que, hai anos, tamén quixo decorar este espazo con alimentos, peixes e cores.

É fantástico ver como os pinceles de Don Santos e os nosos debuxos inspirados na mestra Clara Peeters se dan a man nas paredes do colexio:

  • Unha tradición artística: Do mesmo xeito que Clara Peeters foi pioneira no seu tempo, Don Santos deixou a súa pegada artística para que todos os alumnos e alumnas puidesen desfrutar dela mentres xantaban.

  • Un comedor con moita historia: Agora, o noso comedor convértese nunha verdadeira galería de arte. Alí conviven os peixes e carnes de Don Santos coas flores, queixos e froitas de Clara Peeters que nós recreamos.

Dúas épocas diferentes e tres miradas distintas (a de Clara, a de Don Santos e a vosa) unidas por unha mesma paixón: a arte e a alimentación.

Non esquezades botarlle un ollo a esta exposición colectiva tan especial a próxima vez que vaiades comer!






O Banquete de Clara Peeters: Unha fiestra ao pasado



 Que vemos na mesa?

    • A comida: No centro destaca unha torta decorada con moito detalle, pezas de pan, olivas nun prato de porcelana e ata unhas aves preparadas para comer. Era a forma que tiña a pintora de amosar como era un banquete de luxo nesa época.

    • Obxectos brillantes: Clara era unha mestra pintando o metal e o cristal. Fixádevos na xerra de cerámica e na copa de ouro (o cáliz); parecen tan reais que case se poden tocar.

    • O segredo escondido: A Clara Peeters gustáballe "asinar" os seus cadros de xeito moi curioso. Moitas veces pintaba o seu propio autorretrato en pequeno, reflectido nos brillos das xarras ou das copas. É como un xogo de atopar o personaxe oculto!



22 mar 2026

Quen cociña na túa casa?

 No Día da Muller, o alumnado de 4º de Primaria colleu os micros para facer a pregunta do millón: Quen cociña na túa casa? 

 O alumnado  analiza con moito arte como se reparten as tarefas entre fogóns. Hai chefs de todo tipo, pero todos teñen algo claro: a igualdade é o mellor ingrediente!

Non vos perdades este podcast cheo de frescura, risas e moito talento local.


Escoita aquí aos nosos podcasters de 4º e descobre a realidade das nosas cociñas!
 



Reivindicando o talento feminino: Clara Peeters no Día da Muller

Este 8 de marzo, na biblioteca celebramos o Día da Muller cunha protagonista moi especial: a pintora Clara Peeters.

Aínda que hoxe é famosa, na súa época as mulleres non o tiñan nada fácil para ser artistas. Clara foi unha muller valente que demostrou que o talento non ten xénero, pintando uns bodegóns de alimentos tan reais que parece que se poden comer!

  • Coñecemos a súa historia: Os nosos bibliotecarios auxiliares prepararon un vídeo xenial sobre a súa vida para que todos os alumnos e alumnas souberamos quen foi esta muller pioneira.