Este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, na biblioteca quixemos marchar do camiño de sempre para buscar unha fórmula nova. Xunto co equipo de Dinamización da Lingua Galega, propuxemos un reto creativo e necesario: elaborar un receitario contra o maltrato.
En que consistiu a actividade?
O noso alumnado converteuse en "chef" de valores. En lugar de ingredientes culinarios, utilizaron conceptos como a empatía, o apoio mutuo, a liberdade e a escoita.
A través de ilustracións e textos cheos de enxeño, os estudantes transformaron consellos vitais en procesos de cociña:
Ingredientes: Dose de respecto, moito cariño e cero control.
Elaboración: Como mesturar a amizade sen grumos de celos.
Emplatado: Unha vida libre de violencia e chea de igualdade.
Por que un receitario?
Porque as relacións, coma a boa cociña, requiren tempo, coidado e os ingredientes axeitados. Con esta actividade, non só practicamos o noso galego, senón que reflexionamos sobre as ferramentas que todos e todas temos para detectar e evitar a violencia de xénero desde a mocidade.
"O mellor prato que podemos servir na nosa sociedade é o da igualdade."
















