Dende o blog da biblioteca imos propoñervos actividades, lecturas ou páxinas onde crear os teus propios soños, onde pasalo ben e aprender.
Benvidos ao blog da biblioteca do Ceip Juan Rey!

18 may 2025

Letras Galegas 2025. Celebramos cantando na Praza do Conde Santo

 O pasado venres 16 celebramos  o Día das Letras Galegas. Para comezar esta xornada tan especial, toda a comunidade educativa reunímonos na praza da nosa vila. Alí, os alumnos de sexto de primaria tomaron a palabra e,  ofreceron un discurso explicando a importancia deste día para a nosa cultura e lingua. A continuación, a praza encheuse de voces, desde os máis pequenos ata os profesores, cantamos con alegría dúas emblemáticas cancións populares galegas: "Catro vellos mariñeiros" e "Na beira do mar". 

Despois do recreo, xuntámonos na biblioteca, alumnos e profes. Era o intre de aprender cousas novas. Da man do noso profe de música e coa axuda duns vídeos moi chulos producidos pola Real Academia Galega, mergullámonos no fascinante mundo da nosa cultura. Descubrimos e valoramos a enorme importancia que teñen na tradición galega a poesía oral e a música popular, con especial atención ás nosas incribles cantareiras. Foi unha maneira xenial de entender e apreciar ese legado tan rico que temos!

 Coñecimos as  Pandeireteiras de Mens, un grupo que fixo vibrar escenarios de medio mundo. Tamén nomearon ás irmás Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, que son a proba de que a tradición pasa de pais a fillos (ou de irmás a irmás!). E non podemos esquecer a Eva Castiñeira, de Muxía, outra voz poderosa desta festa.



Despois lembramos  unha actuación en Luar dos anos noventa:un grupo de persoas de San Adriano cantaban e bailaban música tradicional galega.  Si queredes podedes volver a ver o vídeo pinchando na foto,


Rematamos a xornada coa actuación de Carla, Iván, Irene, Ana Luísa e Nerea. Cantaron"A Ruada de Pigarzos", que nos encantou a todos!

Letras Galegas 2025: poesías e cantigas do mar.

 Durante esta semana na biblioteca, as profesoras Isabel, Mari Luz, Lucía e Chelo traballaron a poesía e a música  popular de tradición oral. Os alumnos crearon rimas sinxelas sobre animais mariños. Despois puxéronlles un pouco de música con palmas e pandeiretas, como facían as cantareiras galegas.