Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño. Para conmemoralo, dende a biblioteca, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística, Polos Creativos e o Leo Lab, organizamos unha serie de actividades moi especiais.
Ademais, queremos agradecer encarecidamente a colaboración da ANPA, que nos agasallou con varios libros da autora para que os poidamos desfrutar no colexio.
En primeiro lugar, o alumnado realizou un vídeo-podcast para contar, de xeito sinxelo, os detalles máis importantes da vida e obra de Begoña Caamaño. Grazas a este traballo, descubrimos que a autora ten dúas novelas publicadas.
Aínda que son libros para o público adulto, pareceunos moi interesante afondar na historia de Circe e Ulises. Para darlle vida, pedímoslles aos escolares que debuxasen os personaxes principais e, despois, unindo o esforzo de todos, creamos un vídeo utilizando a técnica de stop-motion.
Como nesta novela o personaxe de Circe lle escribe cartas a Penélope, propuxemos unha actividade creativa moi especial: animamos ao alumnado a poñerse na pel de Begoña. O reto consistía en escoller os seus libros favoritos e escribirse cartas entre eles, imitando o estilo da autora. Despois, colgamolas todas na biblioteca nun tendal moi rechamante que bautizamos como "As cartas máis divertidas de Begoña".
Para rematar esta celebración, o alumnado de Primaria participaron no Correlingua de Ribadeo. Alí lembramos o máis importante de todo: que para manter viva a nosa lingua, o segredo está en falala e sentila cada día.



