Remata o curso e chega o momento de facer balance de todas as aventuras que vivimos entre páxinas de libros. Queremos darvos as grazas de corazón por participar na última enquisa sobre o funcionamento da nosa biblioteca escolar. Os resultados non poden ser máis positivos!
Estamos moi orgullosos de contarvos que o 100% do noso alumnado levou libros en préstamo para a casa ao longo deste curso. Ler é viaxar sen saír da aula, e vós viaxastes moitísimo!
Un aplauso para os nosos superlectores e superlectoras
Este ano puxemos en marcha o reto do Pasaporte Lector, co obxectivo de superar os 10 libros lidos. En total, o 40% de toda Primaria logrou superar o reto! Queremos felicitar de xeito especial a 1º e 2º de Primaria, que foron os cursos con maior porcentaxe de pasaportes completados. Sodes uns campións!
Como recompensa por este esforzo, todos os alumnos e alumnas que superaron o reto recibiron un sinxelo agasallo da biblioteca: un libro e un marcador de páxinas para que sigan desfrutando da lectura.
Pero tamén queremos facer unha mención de honra moi especial para o alumnado dos cursos superiores (de 3º a 6º). Sabemos perfectamente que os vosos libros son moito máis longos, teñen máis páxinas e esixen un esforzo e unha concentración moito maiores. Por iso, aínda que non todos chegarades á cifra de 10, valoramos enormemente cada páxina que lestes. Parabéns a todos!
Tomamos nota para seguir mellorando
Como nos encanta escoitarvos, tamén apuntamos moi ben as vosas suxestións para o vindeiro curso:
• Máis novidades e xogos: Sabemos que queredes ver títulos novos e máis xogos no tempo de lecer. Imos facer maxia co noso orzamento para intentar que a biblioteca teña máis sorpresas para o vindeiro ano.
• Un segredo... Esas peticións de rechear as estanterías con máis historias de Isadora Moon seguro que se consegue! Xa estamos a buscar a forma de traela de volta ao cole con novas aventuras!
Grazas por facer da biblioteca o corazón do noso colexio. Seguide lendo moito este verán!
Se hai un recuncho no noso colexio que tivo moito movemento, maxia e ledicia este curso, ese foi a biblioteca. Pero sabedes cal é o segredo para que todo funcionase á perfección día a día? O traballo, a ilusión e o compromiso do noso fantástico equipo de alumnos e alumnas auxiliares de biblioteca.
Estes mozos e mozas dedicaron parte do seu tempo de lecer a coidar deste espazo tan especial. Foron os encargados de colocar os libros nas estanterías, axudar aos compañeiros e compañeiras a buscar lecturas, xestionar os préstamos e encher de mimos a nosa biblioteca. Sen eles e elas, nada disto tería sido posible!
Por iso, queremos darlles as grazas e facerlles unha homenaxe moi merecida. Un aplauso xigante para os nosos axudantes de luxo:
Nerea, Aleixo, Paula, Ainhoa, Breixo, Martina, Nour-Ham,Valeria e Ana Luisa.
Sodes un auténtico orgullo para todo o colexio! Grazas por demostrar tanta responsabilidade e por facer da biblioteca un lugar mellor para todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario